O tridente do líder
Mouro, Simón e Xullo marcaron 82 goles dos 127 goles do A Estrada Futsal

tridente lider

(Ler noticia completa no Faro de Vigo, 30/03/2017) 

Simón: "Estamos confiados en que este ano xa nos toca"

- Como valora a tempada que está realizando o A Estrada Futsal ata o momento? 

- Sobresaliente. Agora intentaremos culminala. 

- Como ve os tres partidos que lles quedan por diante? 

- A priori o partido máis complicado que nos queda é o do próximo sábado. Si gañamos creo que temos moito andado, pero hai que xogalos todos. Non vai ser nada fácil. 

- Cre que os nervios pódenlles xogar en contra logo de tres anos ás portas? 

- Vivín esas tempadas desde fóra. Este ano con todo estamos confiados en que ten que ser esta vez. Estamos confiados en que este ano xa nos toca. 

- Como está vivindo a súa primeira e goleadora tempada no equipo do Coto Ferreiro? 

- Ben. Viña dun club no que non estaba gozando de moitos minutos. Apostei por dar un paso atrás e estame saíndo ben. Estou gozando de minutos e da confianza do adestrador e os compañeiros. En canto aos goles, iso foi o que me pediu o adestrador cando fichei e intento cumprir con esa tarefa.

(Faro de Vigo, 30/03/2017).

Un equipo xaponés adestra co A Estrada Futsal no Coto Ferreiro

Xapon

   O Mimela-Inversia A Estrada Futsal realizou onte un adestramento singular no que contou cun invitado especial. O equipo da Escola Santiago Futsal Talent Factory de Xapón desprazouse onte ata o Coto Ferreiro para unirse aos estradenses na súa sesión de traballo. Había xogadores dos equipos xaponeses Bork Kitakyshu e Fuchu Athletic e á súa vez alumnos da Escola Santiago Futsal Talent Factory, xunto ao seu director e membro do corpo técnico do equipo compostelano, Monotori Gentoko Baba.

   O adestramento consistiu nun partido a 25 minutos a tempo corrido cada parte. O colexiado designado pola Federación Galega de Fútbol Sala foi o sr. Senén.   Os equipos formaron de inicio con:

   Mimela-Inversia (1ª parte): Hugo, Ulla,Simón, Botel e Rebo. Tamén xogou Julio.

   Mimela-Inversia (2ª parte): César, Martín, Tojo,Toño e Edu. Tamén xogou Moro.

   Equipo xaponés: Ktosuke Nakamura, Saito Naoki, Syusaku Saeki,Shota Nakashima e Kenta Kobayashi. Tamén xogaron Shunta Uchida, Naoya  Aoyaga, Shota Nakashima, Masaki Maruyama e Yosei Arai.

   Partido xogado a un altísimo ritmo, no que os dous equipos fixeron gala dun intenso traballo físico, con presión en todas as partes do terreo de xogo. A primeira metade os dous equipos dispuxeron de oportunidades para  irse no electrónico, pero as boas intervencións dos porteiros mantiveron a bo recaudo as súas parterías. 

   Cando transcorría o minuto 17, foi o equipo xaponés quen estrelou un balón no poste da porteería local, pero 3 minutos máis tarde, Yosei Arai, facía o 0-1, logo de aproveitar unha xogada de estratexia. Froito do altísimo ritmo, os dous equipos cometeron as cinco faltas, o que propiciou dúas claras ocasións para o Mimela-Inversia: no minuto 22, Simón lanzaba un dobre penalti que atallaba o porteiro xaponés e 2 minutos máis  tarde, Julio voltaba a estrelar no porteiro un novo dobre penalti. O equipo local seguía insistindo nos seus ataques diante do porteiro do equipo nipón, a risco de ser sorprendidos á contra, e a falta de 30 segundos para o descanso, Ulla colocaba o 1-1 no electrónico do Coto Ferreiro.

   A segunda metade comezou como a primeira, moita intensidade nos dous equipos, pero aos 3 minutos, Syusaku Saeki, adiantaba aos xaponeses e subía ao marcador o 1-2. O Mimela-Inversia seguía buscando a portería contraria e dispuxo de duás ocasións clarísimas para igualar o marcador, pois primeiro Edu e logo Moro fallaban un man a man co porteiro Nakamura. Como é frecuente cando un equipo perdoa tanto, o outro machaca e así no minuto 8 de novo os nipons facían gol e colocaban o 1-3 por medio de Masaki Maruyama. No minuto 11, era Edu quen disparaba ao pau da portería xaponesa; pero no 12, repetindo o guión, era de novo Maruyama quen facía o 1-4. A partires de aí, o equipo visitante fíxose dono do partido e marcaba, no minuto 14 o 1-5 (Naoya Aoyagi). O equipo local probou xogar de cinco con porteiro xogador, pero rapidamente, no minuto 22, o porteiro xaponés facía o 1-6 e un minuto máis tarde, Shunta Uchida subía ao electrónico o 1-7. A falta de 15 segundos, Edu marcaba o segundo gol do Mimela-Inversia e remataba o encontro co definitivo 2-7.

O A Estrada Futsal gaña a súa primeira batalla coa autoridade dun líder
Os de Sesar arroiaron ao A Pontenova, deixando todo sentenciado na primeira metade

A Pontenova

Saúdo entre os equipos no partido disputado onte no pavillón Coto Ferreiro. // Bernabé/Luismy

   Esperábase un partido de poder a poder entre dous rivais con calidade e argumentos para conseguir a vitoria, un partido tenso, igualado, con alternativas e no que o vencedor terminase sendo aquel capaz de manter a calma no medio dunha anunciada batalla cara ao título de campión. Con todo, nada diso pasou. O culpable de aguar a festa a aqueles que agardan un partido agónico foi o Mimela-Inversia A Estrada Futsal. Os estradenses cargáronse todo o previsto cun xogo e un ritmo ante o que nada puido facer un Pontenova ao que só lle quedou pedir unha indemnización por danos e prexuízos. 

   O que resulta fácil visto o resultado final loce con menos forza do que merece. Os estradenses fixeron onte un exercicio de control persoal e do rival realmente complicado. Unha das claves dese control estivo no ritmo que puxeron ao partido desde o pitido inicial. A súa velocidade con e sen o balón, a ausencia de perdas que o rival puidese aproveitar e a súa fe para afrontar cada xogada coma se fose a última regalaron un partido quizais demasiado claro ao seu favor. 

   Aos de Sesar nin sequera lles fixo falta Moro. O máximo goleador da categoría limitouse a manterse nun discreto segundo plano, agardando a dar un paso á fronte cando chegasen as esperadas urxencias, pero estas nunca chegaron. A boa actuación coral de todos os estradenses bastou para controlar a un rival ao que a falta de fondo físico e o feito de comezar rápido por detrás condenárono a unha rendición moi temprana. 

   Moro foi o encargado de abrir a primeira brecha no muro suscitado polos visitantes. A avalancha local continuou e, tras varias ocasións falladas e un disparo ao pau, Julio, un dos mellores na tarde de onte, anotou o segundo. O terceiro chegaría no minuto 14, obra de novo de Julio tras cazar o rexeite dun disparo de Edu ao pau. A conta na primeira parte pecharíaa Simón un disparo potente. 

 Tralo paso por vestiario, o desaparecido Pontenova amagou con algo máis. Saíu con porteiro dianteiro, pero en só dous minutos Tojo xa anotara o quinto ao roubar un balón e disparar desde o seu campo. O tanto de Iago para os visitantes foi só un lunar nunha segunda parte na que os estradenses seguiron sendo moi superiores. Un tanto de Botel e outro de Moro pecharon a conta do A Estrada Futsal. 

   Aos estradenses quédanlles agora tres partidos máis para loitar por manterse no liderato.

(Faro de Vigo, 26/03/2017).

Polo camiño de baldosas amarelas
O Mimela-Inversia recibe ao A Pontenova na primeira final cara ao título

Adestramento

O equipo estradense afronta o tramo final de competición no liderato. // Bernabé/Cris M.V.

   O Mimela-Inversia A Estrada Futsal disputa hoxe un partido especial. Os estradenses deben dar o seu primeiro paso polo camiño de baldosas amarelas que os leva cara a un destino largamente desexado, o título de campión da Terceira División e a posibilidade de ascender a Segunda B. É o seu cuarto asalto ao título. Os tres anteriores terminaron mal. Neste algo parece diferente, xa que dependen de si mesmos para logralo.

   O A Estrada Futsal recibe ás 19.00 horas ao A Pontenova nun partido no que só lles vale a vitoria. Os estradenses mandan na clasificación da Terceira División a falta de catro xornadas para o final, pero só teñen un punto de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Pazos de Borbén. Para manter esa posición de privilexio, os de Marcos Sesar teñen que superar a un equipo que marcha na sexta posición e que a estas alturas da tempada xa non se xoga nada. 

   Malia a situación do seu rival, o A Estrada Futsal agarda un duro encontro ante un equipo que podería ter ganas de revancha. O pasado ano, os estradenses enfrontáronse a eles na última xornada. O A Pontenova necesitaba gañar ese partido para ser campión, pero os estradenses, que chegaban á última xornada sen opcións, terminaron gañando. "O ano pasado amolámoslles o ascenso na última xornada. Iso, unido ás amizades perigosas que teñen na Estrada pode facer que veñan máis motivados do normal na súa situación e con ganas de revancha", manifestou o adestrador estradense. 

   Sesar considera ademais que A Pontenova conta cun bo equipo que pode poñerlles as cousas moi difíciles. "Teñen o que posiblemente sexa o mellor porteiro da categoría, César. Ademais, contan con dous ou tres xogadores con moita calidade que poden facer dano con accións individuais si lles deixamos. Supoño que virán meterse atrás e a intentar aproveitar as súas armas á contra", afirmou. 

   Para o adestrador estradense con todo, o máis importante é o seu equipo e a súa capacidade a abstraerse da importancia dos puntos en xogo do cada vez máis próximo título de liga. "Temos que evitar caer na ansiedade", explicou o técnico. "Chegamos nun bo momento e xogamos na casa. Non podemos fallar, pero temos que saír concentrados coma se fose un partido máis. Si o logramos estaremos un paso máis preto do noso obxectivo. É necesario con todo que teñamos a cabeza limpa para non volvernos tolos si as cousas se torcen", argumentou o adestrador do Mimela-Inversia. 

   Neste partido os estradenses contarán coa baixa de Kinso, un home que posiblemente se perda o que resta de tempada. O xogador viña arrastrando dor nun xeonllo, unhas molestias que aumentaron nos últimos días. Segundo as probas realizadas podería sufrir unha rotura de menisco. Toño tamén é dúbida no equipo estradense polas súas molestias físicas, aínda que Sesar confiaba en que poida participar. 

  Tralo choque ante o A Pontenova, o Mimela-Inversia visitará a pista do Ribeira e posteriormente recibirá ao Carballiño. O seu último partido da tempada será o 15 de abril na pista do filial do Santiago Futsal. 

   O equipo feminino pola súa banda, o City Lift A Estrada, enfróntase hoxe a partir das 16.30 horas ao Bembrive como visitante. O equipo feminino B tamén xogará a domicilio. Farao a partir das 20.00 na pista do A Pena. Os equipos A e B cadetes serán os únicos da canteira que xogarán no Coto Ferreiro. Será hoxe ás 11.00 e 12.00 horas.

(Faro de Vigo, 25/03/2017).

titulo
helvetia
vasan
cubik
acoe
samana
 
Copyright © 2017 aestradafutsal. All Right Reserved.
Powered By Joomla Perfect